venres, 23 de marzo de 2018

Visita ao Gaiás






Este pasado mércores as alumnas e os alumnos de Educación Infantil foron de excursión á Cidade da Cultura, no monte Gaiás. En primeiro lugar fomos ver unha montaxe artística nas Torres Hejduk, que albergan as chemineas polas que se expulsan os gases da calefacción de todo o complexo de edificios. Dentro delas contemplamos unha intervención paisaxista do artista Martín Tomil, Betula Pendula coa que quere transmitirnos a fraxilidade dos bosques galegos, pero dun xeito artístico. Na sala luminosa (pois as súas paredes son de cristal), colga bidueiros amarrados desde a súa propia cepeira, cun sistema de rego para manter as árbores vivas. No chan pon un espello para dar sensación de camiñar sobre as copas. Na torre de pedra, escura, pendura bidueiros queimados. 
Despois de merendar e de pasar un anaco no Parque da Balea baixamos pola aba do monte Gaiás e fomos plantar varias árbores, tamén bidueiros. Con nós foron Paula, guía da Cidade da Cultura, xunto con Victor, Javier e Juan, técnicos da USC (Universidade de Santiago de Compostela). Ao chegar ao terreo onde íamos plantar estaban esperándonos os traballadores da empresa Seaga, que xa nos tiñan preparados os furados onde situar as árbores. Coa súa axuda fomos quen de aportar a nosa contribución á creación do Bosque de Galicia, que se está a formar alí coa colaboración de moitas persoas. 
Foi unha experiencia moi interesante, e traballaron con moito entusiasmo! Moitas gracias a quen nos axudastes, foi unha experiencia moi enriquecedora para as nosas alumnas e os nosos alumnos!

venres, 9 de marzo de 2018

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER





Para celebrar o Día Internacional da Muller, as alumnas e os alumnos de Educación Infantil decoraron todos estes mandís.

EDUCACIÓN VIAL COA POLICÍA LOCAL





Esta mañá, viñeron ao noso colexio dous membros da Policía Local do noso Concello a ensinarnos diferentes aspectos da Educación Vial. Foi moi entretido e divertido. Primeiro explicáronlles que a Policía está para axudarnos a todas e todos cando o precisemos, e que se algunha nena ou neno ten problemas (por exemplo se se perdeu) non dubide en pedirlles axuda. Ademais, explicaron cales son as funcións da Policía Local e cales son os seus medios. Despois houbo unha clase práctica, para a cal instalaron un circuito con semáforos e pasos de peóns, ademais de traer unhas bicis moi chulas coas que as nenas e os nenos pasárono xenial. Moitas gracias á Policía Local de Santiago por vir ao noso colexio!!