xoves, 25 de febreiro de 2016

VOSTOK

Alexandre (alumno da aula de 5 anos) e a súa familia contribuíron á exposición sobre a aviación con esta espectacular máquina voadora de nome Vostok, que poderedes admirar se vos achegades ao recibidor do edificio norte (no que están as aulas de Educación Infantil). Ademais, xunto ao aparello, achegaron o relato que segue a continuación: 
 O PROXECTO VOSTOK 
   Cando Yuri lle comunicou as novas a Sergey sabía que xa faltaba pouco. Despois de demasiado tempo todo indicaba que as cousas ían a mellor; as extrañas luces que viran varias noites seguidas, as temperaturas por debaixo dos -80º, a brúxula que xiraba tola sen marcar un rumbo fixo... todo o que vían dicíalles que estaban por fin preto de onde empezou todo. Pero cen anos antes.
   Demasiadas cousas podían saír e saíron mal, os informes americanos (dos que copiaran o proxecto Vostok) non dicían toda a verdade, ou polo menos omitían cousas importantes, falaban dos parámetros baixo os cales se fixeran as probas, falaban das variables a ter en conta, mencionaban incluso que levaran a cabo dez probas “satisfactorias”... Que quería dicir satisfactorias? Que todo saíra ben? Entón, que foi dos soldados do proxecto Manhattan? Sergey e os seus homes sospeitaban que correran a mesma sorte que tiveron eles, perdidos no espazo-tempo.
   Era de tolos, seis soldados soviéticos voando nun desvencillado barco enganchado a un globo, rumbo onde ninguén estivera nunca. Toda a viaxe baseábase en suposicións, pero ninguén se atrevera a discutir; as ordes do capitán eran sinxelas e claras, tiñan que chegar á Antártida, ao lago Vostok, algo encontrarían alí que lles podería axudar a voltar a casa. Construír o artiluxio voador tampouco foi moi complicado, pouca ciencia tiña para eles enganchar un barco a un globo. Era o único que se lles ocorreu despois de ter que abandoar a nave da que partiran o 17 de maio de 1952. Onde ían atopar combustible para o propulsor de pulso magnético na metade do século XIX, a onde foran levados non se sabe como?
   Pero iso era o de menos, unha vez máis, Yuri tiña boas novas, por fin se divisaba a montaña de xeo baixo a cal se encontraba o que tanto tempo levaban a buscar, apenas era un pouco diferente do que recordaba.
   Quedaba agora por saber se a viaxe servira para algo.